Friday 26 de April de 2024

A Xunta apoia o proxecto de voluntariado no rural “Acompaña 2.0” que desenvolve Escola de Tempo Libre Colaxe


Fórmanse parellas interxeracionais para darse compañía, favorecer o acceso dos maiores ás novas tecnoloxías e dar á coñecer á xente nova as oportunidades que ofrece o rural

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe coas persoas voluntarias que están a participar no proxecto ‘Acompaña 2.0’, que está a desenvolver a escola de tempo libre Colaxe co apoio da Xunta de Galicia. O obxectivo deste proxecto é que os maiores e mozos voluntarios se apoien mutuamente, compartan vivencias e coñecementos.

Cristina Pichel, que estivo acompañada do alcalde de Laxe, José Luís Pérez, destacou a importancia que ten este tipo de iniciativas para o fomento do voluntariado en concellos pequenos e de carácter rural. No caso concreto de ‘Acompaña 2.0’ doce persoas voluntarias, seis delas maiores de 55 anos e as outras seis menores de 35, constitúense en parellas para darse acompañamento, ao tempo que os mozos axudan aos maiores a conectar co novo mundo dixital e a utilizar as novas tecnoloxías, e os maiores amosan aos primeiros as oportunidades de futuro que ofrece o medio rural a través das súas propias experiencias.

O programa de Voluntariado interxeracional no rural é unha nova proposta do Goberno galego que se puxo en marcha no 2022 e que ten continuidade este ano. Nesta iniciativa participan entidades de acción voluntaria tanto locais como asociativas. Os proxectos están integrados por grupos interxeracionais, coa finalidade de favorecer o intercambio de experiencias e un envellecemento activo, así como poñer en valor as contornas rurais como espazos de oportunidades para a xente nova.